Festa da Faguía de Carnés."Callos a esgalla", 9 de Xullo en Carnés, Vimianzo, A Coruña.


A Cerca da Faguía é un recinto singular, xa que foi construído específicamente pra unha festa gastronómica: a Faguía de Carnés. Realizouse en 1832 a petición da Confraría de San Cristovo pra evitar que xente que non era confrade se aproveitase e participara na comida. Trátase dun recinto rectangular pechado por un alto muro que posúe dous espazos diferenciados: o lugar onde se celebra a Faguía á a casa de pedra de cachotería onde se fai a comida. A xente come nuns muros de pedra a modo de mesa que fan case un rectángulo. A Cerca é un lugar de especial significación relixiosa e simbólica, remarcada esta polo ritual de virar a tella, explicado abaixo. A orixe da festa remóntase ó 1608 cando a Confraría de San Cristovo de Carnés decide facer unha comida na véspera do patrón e unha festa o seu día. Despois de ser unha comida desta vella «Comisión de festas» pasou a ser un xantar para os pobres, a finais do XIX e comezos do XX. Nos anos 70, coa bonanza económica os veciños decidiron recupera-la festa tradicional. Hoxe en día é unha das festas máis concorridas da comarca na que se reparten callos a esgalla. Foi declarada Festa de Interese Turístico no 2010. O ritual de virar a tella, con similitudes en toda a costa galega e no norte de Portugal, é levado a cabo por unha veciña de Carnés coñecida como Carme da Casucha que, segundo ela mesma, é quen ten o don. O ritual de virar a tella lévase a cabo cando o día da festa da Faguía chove ou orballa. Nestas condicións Carme diríxese á casa da Cerca ataviada cun escapulario que herdou dunha tía súa, e comeza a colocación das tellas. Son seis en total; as tres primeiras colócaas unhas a carón das outras e o resto deposítanse sobre as anteriores pero orientadas cara a varios ventos: o Nordés, a Travesía e o Vendaval. Mentres fai isto recita unhas oracións. Logo de efectuado este rito debe dirixirse á igrexa parroquial e rezarlle dándolle as grazas a todas as imaxes de santos existentes na mesma. Segundo os informantes o ritual de virar a tella ás veces dá resultado e ás veces non.» (vimianzo.es) Información extraída de Patrimonio Galego.